martes, 1 de abril de 2014

Os cogomelos máis comúns nos montes galegos

Galicia é terra de cogomelos. Os cogomelos cobren, xunto coas follas caídas das árbores, os montes galegos durante o outono. Os amantes do reino dos fungos adéntranse nos montes para buscar cogomelos comestibles, recollelos e cociñalos. Para isto, é fundamental coñecer cales son os cogomelos máis comúns nos montes da nosa comunidade, onde podemos atopalos, como temos que arrincalos do chan e, por suposto, se son comestibles ou non.

O reino dos fungos é inmenso pero, como todo, hai que comezar pouco a pouco. Por iso, déixovos un enlace a un artigo de La Opinión de A Coruña onde se presentan os cogomelos máis comúns dos montes galegos, xunto coas súas fotos. Se queres saber como son e onde se atopan os cogordos, os níscalos ou os cantarelos, dalle click a este enlace.

Hoxe tamén me gustaría compatir unha pequena anécdota que recordo con cariño. Tódolos outonos, cando estaba a cursar Primaria, a miña profesora de inglés traíanos cogomelos que ía recoller ó monte para ensinárnolos e contarnos cousas acerca deles. A cestiña na que os transportaba percorría tódalas mesas da clase mentres nós mirabamos entre asustados e curiosos aqueles cogomelos que nos recordaban a David el Gnomo.

Algúns dos cogomelos que traía eran tremendamente curiosos e, para que tódolos alumnos os puideran ver, colocábaos durante uns días no xardín da escola. Un dos cogomelos máis chamativos que nos ensinou foi o peido de lobo:

Imaxe extraída da Galipedia

Despídome con este refrán que atopei na Galipedia, na entrada adicada ós peidos de lobo:

"Meniño encetado, auga da fonte e po de peido de lobo".

Este refrán, tal e como se explica na Galipedia, refírese ás propiedades terapéuticas deste fungo. Aplicábase sobre as feridas coma antibiótico e cicatrizante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario